Menú Cerrar

ÁBRESE O PRAZO DE INFORMACIÓN PÚBLICA TRAS A APROBACIÓN INICIAL DO REGULAMENTO DE PARTICIPACIÓN CIDADÁ

• Do 5 de agosto ao 19 de setembro de 2022, a veciñanza e as asociacións contarán cun período de 30 días hábiles para realizar as suxestións e reclamacións que consideren oportunas.

Xoves, 4 de agosto de 2022.- A Concellería de Participación Veciñal, Espazos Cidadáns de Transparencia, dirixida pola tenente de alcalde, Silvia Díaz Iglesias (Avante Poio), informa de que a partir deste venres 5 de agosto permanecerá en exposición pública, durante un prazo de 30 días hábiles, o documento do Regulamento de Participación Cidadá.  Ao longo deste período a cidadanía poderá realizar as suxestións e reclamacións ao texto que consideren oportunas. O documento pode consultarse no Portal de Transparencia e na Sede Electrónica do Concello de Poio

Esta é a última fase cara á aprobación definitiva do regulamento, logo de que no Pleno ordinario do 26 de xullo de 2022, toda a Corporación Municipal acordase por unanimidade a aprobación inicial do regulamento que articulará as canles e permitirá a constitución dos órganos de participación cidadá no municipio. 

O documento exposto incorpora as achegas realizadas polos catro grupos da Corporación municipal nas sesións de traballo desenvoltas ao longo dos últimos meses. Ademais, tamén se procedeu a abrir unha consulta pública para facilitar a achega de consideracións por parte de colectivos e cidadanía.

Conta cun total de 35 artigos distribuídos en catro capítulos, así como sete disposicións adicionais. Un dos aspectos máis importantes deste novo regulamento é a definición do Consello de Participación Veciñal como o órgano que permite a participación na actividade do Concello, representativo dos intereses veciñais dos lugares e parroquias. Esta sería a ferramenta para trasladar, por parte da cidadanía, propostas e peticións relacionadas co desenvolvemento de actividades, actuacións, servizos ou investimentos.

Pola súa banda, a Asamblea de Participación Cidadá impúlsase como órgano para o debate e a coordinación de iniciativas que afectan ao conxunto da cidadanía do municipio. A través deste regulamento búscase habilitar canles directas e eficaces de comunicación e colaboración entre o Concello e os colectivos, facilitando, deste xeito, o intercambio de información, a participación na toma de decisións, a organización de iniciativas ou o desenvolvemento de actuacións e proxectos de interese xeral.

As achegas, suxestións e reclamacións ao documento poden realizarse mediante instancia xeral no Rexistro Municipal, as entidades a través da Sede Electrónica e as persoas físicas tanto telemática como presencialmente, tamén a través das oficinas do Rexistro Municipal.

Participa, lembra que A TÚA VOZ CONTA.