Menú Cerrar

Actívase o Consello de Participación Veciñal

18/11/2022 - 18/11/2024

Regulamento de Participación Cidadá do Concello de Poio

O proxecto de Regulamento de Participación Cidadá tras os trámites normativos precisos foi aprobado definitivamente por unanimidade no Pleno da Corporación en data 27 de setembro de 2022, e publicado no BOP núm. 186, de 28 setembro 2022.

Así, tras quince anos e un longo proceso que incluíu a actualización do rexistro municipal de asociacións, o Consello xa é unha realidade. O vindeiro martes 22 de novembro celébrase a sesión constitutiva do Consello de Participación Veciñal. Neste consello sectorial municipal os colectivos veciñais teñen un espazo de participación, de proposta e de debate.  Nel trataranse as necesidades e iniciativas para as localidades e lugares de Poio.

Destaca o dinamismo e o importante papel do tecido asociativo e tamén o esforzo feito por todos os colectivos para estar ao día e cumprir coa normativa da lexislación actual. “Contaremos cun órgano onde escoitarnos, canalizar asuntos de interese xeral da veciñanza e priorizar as accións a realizar”. A constitución do Consello Veciñal é un novo e importante paso no camiño cara a un concello máis aberto, máis transparente e máis participativo.
O seguinte paso será a constitución da Asemblea Cidadá. Así o recolle o Regulamento de Participación Cidadá que recentemente entrou en vigor referendado por todos os grupos políticos municipais. Na Asemblea Cidadá estarán representados todos os consellos sectoriais, e nela debateranse as liñas fundamentais da acción municipal.

Regulamento de Participación Cidadá

O Regulamento de Participación Cidadá é o documento que permitirá establecer canles efectivas de comunicación e constituír os órganos consultivos e de representación para a participación activa da veciñanza nas cuestións de interese para as entidades e a poboación do municipio de Poio. Pódese acceder á publicación no Portal de Transparencia do Concello de Poio, sección 2. Información e atención ao cidadá. Participación e colaboración cidadá;  2.1. Participación cidadá;  2.2.2. Órganos de participación cidadá – Consellos sectoriales;  Órganos de participación cidadá. Consellos sectoriales;  Regulamento de Participación Cidadá.
Subida a Escusa XII edición