POIO | O Consello Municipal da Muller, nun traballo conxunto das asociacións integrantes, elaboraron unha listaxe de mulleres de Poio, visibles, empoderadas e iguais. Nesta edición resultaron escollidas cinco persoas, unha por cada parroquia do noso municipio. Serán homenaxeadas no acto institucional que terá lugar no Palacete de Besada. A homenaxe celébrase o venres 10 de marzo.
Terá lugar nunha nova xornada de portas abertas do Palacete, das 20:00 en diante, no edificio recentemente remodelado na finca de Besada. O evento forma parte da programación deseñada polo CIM de Poio e a Concellaría de Igualdade, para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. O programa inclúe sesións de contacontos en todos os centros escolares de Poio da man de Polo Correo do Vento.
Este evento, aberto á participación de toda a cidadanía, contará tamén coas representantes do Consello Municipal da Muller. Estas colaboran na organización xunto ao Cim de Poio e a Concellaría de Igualdade.
Presentación do libro Vivencias de Muller 2023
Convídase tamén a asistir a todo o tecido asociativo e á Corporación Municipal. Participarán no recoñecemento ás mulleres de Poio pola súa traxectoria vital de loita e superación. A través das súas experiencias coñeceremos as historias das mulleres predecesoras que abriron camiño na consecución da igualdade. A súas vidas serán recollidas no libro Vivencias de Muller 2023. A publicación será presentada no acto de homenaxe e está financiado pola Deputación de Pontevedra.
O mércores 8 de marzo, ás 13:00 ás portas do concello de Poio tivo lugar o parón institucional para expresar o compromiso da administración local coa defensa dos dereitos das mulleres. A concellaría de Igualdade agradece a colaboración activa das asociacións de mulleres e o dinamismo do asociacionismo municipal. A día de hoxe, son 68 as entidades que están formalizadas no rexistro municipal de asociacións de Poio, algunhas das cales forman parte dos consellos municipais; estando activados o Consello de Participación Veciñal, o Consello da Muller, o Consello de Cultura e o Consello de Deportes. O listado de asociacións está dispoñible para consulta no Portal de Transparencia do Concello de Poio,
Pode obterse máis información sobre os colectivos e os espazos municipais de Poio visitando a web www.participaenpoio.gal